Difundir e aprender esperanto, a lingua internacional, paga a pena. É un órgano de comunicación vivo, cunha ampla comunidade de falantes e un apreciable patrimonio cultural. É un medio de entendemento entre persoas de diferentes culturas, orixes ou estados, que crea lazos por enriba de fronteiras e divisións de todo tipo.
Pero o nivel de coñecemento sobre o esperanto, sobre as súas posibilidades e a súa realidade, é aínda demasiado baixo. Tampouco o número de falantes, aínda que maior do que se percibe pola opinión pública, é tan grande como sería desexable. Por esas razóns, a difusión do idioma, o coñecemento da súa realidade e o convencemento sobre as súas bondades, é unha tarefa aínda imprescindible.
Esas tarefas – información, difusión, convencemento – son as que a Federación Española de Esperanto (Hispana Esperanto-Federacio – HEF) ten como obxectivos básicos da súa actividade. Facéndote socio de HEF contribúes a estas metas e, deste xeito, apoias a difusión da lingua internacional e os seus ideais.
HEF é a principal organización esperantista a nivel do Estado español. Está formada por asociacións e clubs locais, así como tamén por socios individuais.
É unha asociación neutral, que non privilexia ningunha orientación política ou ideolóxica, e só se guía polo respecto aos Dereitos Humanos básicos e pola defensa da comunicación internacional. Calquera persoa pode asociarse, sempre que mostre o seu compromiso polo idioma. HEF respecta e favorece a pluralidade dos seus socios.
A Federación forma parte da Asociación Universal de Esperanto. Deste xeito, ser socio de HEF supón simultaneamente ser membro desta organización internacional, e contribuír á difusión do esperanto a nivel mundial.
Os socios de HEF teñen o dereito de participar na vida interna da asociación, fixar os seus obxectivos, elixir á súa directiva, propoñer iniciativas e campañas. Ademais reciben o Boletín trimestralmente e poden participar nos foros internos.
Os socios de HEF reciben rebaixas nas cotas para os encontros organizados ou patrocinados pola asociación, e tamén gozan de prezos especiais nos materiais que HEF ten á venda.
A Federación xestiona o dominio de Internet http://www.esperanto.es, con versións en castelán e esperanto, e parcialmente noutras linguas españolas. Dispón dunha oficina en Madrid, cunha biblioteca de máis de 3500 exemplares de libros e outros materiais, a disposición dos socios. A biblioteca dispón da súa propia páxina web (http://www.esperanto.es/biblioteko), onde tamén se aloxa a “Bitoteko”, o noso repositorio dixital con materiais históricos, moitos de gran valor.
En ocasións, HEF edita material en ou sobre o esperanto. A promoción do valor da cultura en esperanto, e tamén a difusión da cultura española por medio deste idioma, atópanse entre os obxectivos da nosa organización.
Os socios menores de 30 anos son á vez membros da Sociedade Xuvenil Esperantista Española (Hispana Esperantista Junulara Societo – HEJS).